ELA -neohippy solidaria- acaba de chegar de África.
EL -nihilista solitario- contrátaa para facer a vendima.
ELA namórase do vento que sobe do río. Descobre un lugar no que atopar unha identidade libre de conflitos, no que ser auténtica.
EL está de volta dunha vida urbana hipócrita, na que vendeu a conciencia e a coherencia política en cómodos prazos.
As uvas deste ano prometen un viño intenso, aromático, doce no padal. Pero a colleita non vai rematar.
Nin as vides poden escapar das gadoupas dun capitalismo salvaxe que se expande coma o vento ata o máis afastado recuncho do mundo.